28/8/09

Galiza tamén tivo a súa 'Expo'



Un libro de Henrique Alvarellos e unha exposición celebran o centenario do evento, polo que pasaron máis de 50 mil visitantes en 1909.

Once pavillóns, 600 expositores, dez mil pezas de arqueoloxía e obras de arte, 53 mil visitantes en cinco meses. Pouco se fala, na rúa e na historia da chamada 'Exposición Rexional Galega' que se celebrou en Compostela en 1909 e que ocupaba boa parte do que hoxe é a Alameda, e máis o Colexio San Clemente.



Inaugurouse o 24 de xullo, coa presenza do rei Alfonso XIII e do presidente do Goberno Antonio Maura, e aínda que a maior parte dos seus edificios e construcións foron destruídos (algúns tan sigulares e valiosos como o do Centro Galego da Habana), serviu para definir a actual configuración do parque e máis do comezo do Campus Sur da USC. Si que se conserva un dos edificios, á actual escola infantil de Santa Susana, unha obra de Antonio Palacios que foi destinado durante e Exposición a Pavillón de Recreo Artístico e Industrial.



Libro e exposición
Coincidindo co centenario, Henrique Alvarellos publica un volume conmemorativo que recuperará medio cento de fotografías daquel evento conservadas en diversos arquivos e bibliotecas. A obra tamén inclúe a crónica xornalística daquela mostra: o contexto social, a descrición dos pavillóns, as cifras de visitantes e resultados económicos, as curiosidades... Para elaborar a crónica Alvarellos consultou diarios e revistas dos anos 1909 e 1910: os diario locais El Eco de Santiago ou Diario de Galicia, o xornal de Madrid El Imparcial ou o catalán La Vanguardia, ademais de revistas gráficas do momento como a viguesa Vida Gallega ou a madrileña Nuevo Mundo.



Así mesmo, poderase ver unha mostra conmemorativa, consistente na exhibición do medio cento de fotografías atopadas, montadas en paneis de gran formato ao longo do paseo da Ferradura dende a escola infantil en dirección á escalinata de baixada ao Campus. O Concello preparou ademais unha recreación da exposición, con reprodución de escenas cotiás, xogos tradicionais e un desfile.




Vía: Vieiros

3/4/09

Tal día coma hoxe...

1841: nacía en Compostela o escultor Isidoro Brocos, está considerado como un dos mellores escultores do moderno Renacemento Galego.

1/4/09

O un de Abril...

... van os burros onde non deben ir"

1188: Inaugurábase o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela
1846: Comezaba en Lugo a Revolución Progresista Galega
1917: Saía á rúa o primeiro número de El Ideal Gallego

28/3/09

Tal día coma hoxe...

1809: Os exércitos de Morillo e Cachamuíña liberaban Vigo das tropas francesas.

1966: Morría no seu Lalín natal o astrónomo Ramón María Aller. Un cráter da Lúa leva o seu nome.

Hoxe festa local da Reconquista en Vigo.

23/3/09

Día Mundial da Meteoroloxía

1870: En Maceda de Trives (Manzaneda) enfrontábanse os campesiños coa Garda Civil a causa dun imposto de "capacitación". No enfrontamento, que durou tres días, morreron tres paisanos e un garda.

21/3/09

Día Mundial da Poesía

1874: Nacía na Coruña o músico Andrés Gaos, considerado o compositor galego máis destacado do século XX e autor de importantes obras como "Aires Gallegos" (1905), "Nuevos Aires Gallegos" (1913), "Sonata para violín e piano" (1916) e "Impresión Nocturna" (1937).

19/3/09

Tal día coma hoxe...

1847: Fundábase a "Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos" coñecida como "Circo de Artesanos", que había destacar polo seu labro cultural no país.