28/8/08

Santiago de Compostela | Estación de Cornes

Chicharro
Vista da estación orixinal de Cornes. De aquí partiu o tren que encetou a historia ferroviaria galega no século XIX cara Carril (por aquel entón concello independente, hoxe integrado no de Vilagarcía de Arousa).

Con posterioridade esta estación de madeira foi substituída por outra de pedra, que á súa vez perdeu a súa función como terminal de pasaxeiros na década de 1940, ao entrar en servizo a estación actual como parte da nova liña directa Coruña-Zamora, que viría a acurtar o tempo de viaxe entre a capital herculina e Madrid.

Durante un tempo continuou a prestar servizo como estación de mercadorías, trala retirada das súas vías e un período de tempo no que serviu como vivenda ao derradeiro xefe de estación que tivo actualmente estan a se rematar os traballos de rehabilitación para convertela en centro cívico-social dentro do proxecto de urbanización do entorno, un espazo que se ubica entre a avenida de Romero Donallo, a estrada N-550 e o actual Eixo Atlántico ferroviario.

26/8/08

Pontedeume | A ponte

La Opinión de A Coruña
A ponte que cruza o Eume na súa desembocadura comunica os concellos de Cabanas e Pontedeume.

Foi ata a construción da ponte que une a illa de Arousa co continente a máis longa do país.

Ata a construción da AP-9 a finais do século XX era paso obrigado para os vehículos que se dirixían cara Ferrol pola estrada N-651.

21/8/08

Betanzos | Ponte Nova

La Opinión de A Coruña
A imaxe está sacada dende o barrio da Estación.

A Ponte Nova era paso obrigado da N-VI, á dereita da mesma queda Coruña e á esquerda estaba o desvío para Madrid (á dereita) ou Ferrol (á esquerda).

Aínda non existía a ponte do Pedrido en Bergondo que acurtaría o percorrido entre a cidade departamental e a capital provincial nin a circunvalación feita na década dos '80 do século XX para se dirixir dende a cidade herculina, principalmente, cara Lugo e Madrid, que evitaba o paso polo casco urbano betanceiro.

A vella ponte de pedra foi tamén substituída logo por unha antiestética ponte de formigón.

4/8/08

Coirós | Xira dos Caneiros (I)

I Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña

Curiosamente o lugar dos Caneiros - a onde se chega tras remontar o río Mandeo - , epicentro da festa, non se atopa no termo municipal de Betanzos senón no veciño Coirós mais os terreos son propiedade do primeiro.