8/8/12

ACHADA UNHA CALZADA GALAICO-ROMANA DE 35 METROS EN ALLARIZ

Trátase dunha vía que dividía un poboado de grandes dimensións que está a ser escavado

Unha rúa galaico-romana dos séculos III e IV con 35 metros de longo e case tres de ancho é o máis recente achado na segunda campaña de escavación na Atalaia do Castro de Armea , na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas. Trátase segundo declaración do arqueólogo David Pérez ao xornal La Región, dunha rúa de trazado recto e ben pavimentado que divide as casas do poboado cunha cantería “exquisita”. Nunha campaña anterior en 2011 da que deu conta Cultura galega.org atopáronse os primeiros muros e vestixios desta vila galaico-romana, que segundo os arqueólogos pode ter unha extensión de 4,8 hectáreas. O Alcalde de Allariz manifestou ao xornal a súa intención de manter o apoio aos traballos en Armea como unha das súas prioridades para facelo atractivo aos visitantes e poder explotar turísticamente este ben patrimonial. En setembro procederase a labores de restauración e consolidación dos muros para que aguanten o inverno.