31/10/08

Bergondo | Areal do Pedrido con marea baixa

Alberto Martí
A baixada da marea é tan pronunciada neste punto da ría de Betanzos que fai que se podan dar imaxes coma esta nas que se aprecia un Land Rover en zonas que a outras horas están varios metros asulagadas polo mar e ás que só se pode acceder nunha embarcación ou tras nadar bastantes metros.

Os sucesivos enchidos que foron facendo ao longo dos anos no porto de Sada fixeron que este areal de tranquilas e limpas augas se convertera nun sumidoiro de lixo de augas revoltas e con ondas permanentemente.

29/10/08

Oleiros | Praia de Santa Cristina II

Alberto Martí | La Voz de Galicia
A finais dos '70 comezaron as obras de urbanización da zona de Santa Cristina coa construción dun hotel, que xa se pode ver rematado nesta fotografía, e de outras edificacións particulares.

O acceso á praia, que era máis ben entón un pedregal, era moi dificultoso. Lembra Alberto Martí que un dos problemas que tardou bastante tempo en ser solucionado foi precisamente a comunicación coa praia, posto que só se accedía través dunha vella e desmendrellada escaleira de madeira, colocada precisamente no medio deste pedregal.

27/10/08

Inauguración da liña Ferrol - Betanzos

III Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña

25/10/08

Sada | A descargar patexo na praia, xunto a Terraza

Alberto Martí

15/10/08

Sada: Os restos de Ramón Suárez Picallo xa descansan no Fiunchedo


Un milleiro de persoas participaron no acto, que se pechou coa interpretación do himno a cargo de Xosé Manuel Budiño.
Ramón Suárez Picallo volveu á casa. Finalizou esta tarde a derradeira das súas viaxes, que o levaron dunha beira á outra do Atlántico, por ducias de países, dende que aos 14 anos emigrou, el só, a Arxentina. O seu desexo era ser soterrado en Sada, no cemiterio do Fiunchedo, xunto ao seu irmán Antonio, asasinado polos fascistas en 1936. O seu desexo cumpriuse esta tarde. Na homenaxe popular que lle ofreceu o Concello de Sada participaron máis dun milleiro de persoas, que se reuniron na praza Irmáns Suárez Picallo, onde houbo tamén unha ampla representación institucional. O acto abriuse coa interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galiza e pechouse co himno, que soou na gaita de Xosé Manuel Budiño.

O pasado 11 de outubro os seus restos foron exhumados do Panteón de Galegos Ilustres do cemiterio de Chacarita (ver vídeo), culminando as xestións que a Xunta e o Concello de Sada, encabezado polo seu alcalde, Abel López Soto, veu realizando nos últimos meses. O presidente do Centro Galego, Julio Martínez, foi o encargado de lle entregar as cinzas do político sadense a López Soto, que cualificou o momento como o "acto máis emotivo" da súa traxectoria política. Durante o enterro das cinzas, este martes, Abel López Soto destacou que Picallo "puxo en valor coma ninguén a importancia da palabra como única arma para defender con vehemencia e firmeza aquilo no que un cre, sen desprezar as crenzas dos demais". López Soto, moi emocionado, rematou o seu discurso recuperando unha das frases que adoitaba empregar o ilustre galeguista: "Amigos e amigas, saúde e Terra ceibe".
Foi o deputado da emigración, o "arxentino" que cando falaba no Congreso, facíao "con aires de tango", como se dixo na época; estivo sempre na marxe máis esquerdista do nacionalismo, sendo unha figura fundamental na incorporación do PG á Fronte Popular. É un dos integrantes máis destacados da segunda xeración de líderes do nacionalismo, que tomou o relevo nos anos trinta, dando o gran salto do galeguismo político. A súa figura política é comparábel á de Castelao e Bóveda, e faise preciso aínda un traballo de recuperación da súa memoria. Foi xornalista, tamén, desenvolvendo a súa actividade en Arxentina, Galiza, Chile ou a República Dominicana.
Imaxe de La Voz de Galicia
Suárez Picallo, toda unha vida dedicada á política e ao xornalismo
Despois de emigrar a Arxentina, dedicouse moi intensamente á vida política e sindical dende moi novo, sendo candidato en varios comicios. "Tivo un papel moi importante na dinámica sociopolítica da emigración galega, na mobilización dos emigrantes", di o profesor Núñez Seixas, que engade que "naquel tempo Suárez Picallo ocupa un lugar clave no movemento obreiro arxentino". En 1926 visitou Galiza, aproveitando a súa asistencia á xuntanza anual da Organización Internacional do Traballo. Fixo amizade con Vilar Ponte e de regreso a Arxentina fundou unha sección da ORGA. Foi elixido deputado constituínte, e despois obtivo acta de deputado nas primeiras eleccións, celebradas en 1931, "cun pé en cada bando, entre a ORGA e o PG", sinala o profesor Xusto Beramendi.
Imaxe de La Voz de Galicia
Participou na fundación do PG e converteuse, xunto a Castelao na imaxe pública do, pasando a liderar no seu interior a corrente de esquerda nacionalista. Foi a presión de Picallo, entre outros elementos, a que definiu a política de alianzas progresista do Partido Galeguista cos partidos que posteriormente conformaron a Frente Popular. En palabras de Xusto Beramendi, "xa na asemblea fundacional do PG, Suárez Picallo defendeu moitas emendas esquerdistas, e no banquete que se celebrou posteriormente manifestou publicamente que era marxista, para arrepío, supoño, de Otero Pedrayo. Despois, cando se debateu a conveniencia de que o PG se incorporase á Fronte Popular, mantivo unha discusión pública moi rica con Otero".
Imaxe de La Voz de Galicia
"Suárez Picallo non era un ideólogo e nunca deixou o seu pensamento político artellado por escrito, era un home de acción, un mitineiro, moi apto para a mobilización das masas", contrapón Núñez Seixas, que comenta tamén que nunca se preocupou por ligar o pensamento marxista co galeguismo, como moito lígase á versión liberal-progresista do nacionalismo galego". Porén, para Beramendi "tivo un papel moi importante no movemento do PG cara á esquerda, xunto con Víctor Casas, Bóveda ou Castelao. Non hai que esquecer por exemplo que era director de SER, Semanario de Esquerdas, que tivo un papel fundamental na converxencia entre o nacionalismo galego e a esquerda española".

De exilio en exilio
En 1936 de novo foi elixido deputado pola Fronte Popular e formou parte da comisión que levou Estatuto de Autonomía de Galicia a Madrid, co que o Alzamento Nacional o sorprendeu alí. O seu irmán Antonio foi asasinado en Sada polos fascistas. Acompañou a Castelao a Barcelona e alí responsabilizouse da edición do Nova Galicia, Boletín quincenal dos Escritores Galegos Antifascistas, xornal de difusión do galeguismo durante a guerra.

En 1939 fuxiu por Francia até os Estados Unidos, onde mantivo unha actividade política moi importante en defensa da República. De alí, marchou cara á República Dominicana (onde dirixiu o diario La Nación), no grupo de exiliados españois convidados polo ditador Trujillo para "branquear" o país; porén a súa militancia comunista anterior e a súa actividade política obrigárono a abandonar a illa en pouco tempo, en dirección a Chile, onde traballou en catro xornais. Non puido regresar a Arxentina até que Perón abandonou o poder, e ficou deste xeito desconectado do núcleo central do exilio galeguista, "de feito en Chile estaba máis conectado coas comunidades vasca e catalana, e co Centro Republicano Español", comenta Núñez Seixas. Cando retornou a Arxentina era maior e a súa saúde estaba moi debilitada. Participou na creación do Consello de Galiza, pero o seu papel era máis simbólico que real. Morreu en 1964.

Beramendi reclama a necesidade de que a actividade política de Suárez Picallo teña un meirande recoñecemento social, para situalo á altura de, por exemplo, Castelao ou Bóveda: "a memoria colectiva tende sempre a simplificar as cousas, e normalmente hai dúas ou tres figuras que se mitifican e que deixan empequenecidas a outras". Aquí pasou, segundo o profesor da USC, con Castelao e Bóveda "con todo merecemento" e só agora estáse comezando a valorar a importancia de Suárez Picallo e a doutros políticos como Víctor Casas ou, por exemplo, o propio irmán de Picallo, Antonio, "tan de esquerdas ou máis ca el".
Imaxe de La Voz de Galicia

Fonte: Marcos S. Pérez - 14/10/2008 para Vieiros

Sada | pazo de Meirás, salón onde celebraban os consellos de ministros franquistas

Alberto Martí
Así ilustrou Alberto Martí o 18 de Febreiro de 1978 tralo incendio que arrasou o pazo sadense, o salón onde tiñan lugar os consellos de ministros durante a época estival da ditadura franquista.

12/10/08

Ourense | "O Tren", de Andrés do Barro


Videoclip rodado a bordo dun tren de Renfe a transitar polo camiño de ferro entre as estacións de Ourense-Empalme e Os Peares, na ribeira dereita do río Miño.